Monday 29 de April de 2024

O Concello de Carballo acadou no ano 2023 un volume de licitación de obras e servizos superior aos 20 millóns de euros


Máis da metade corresponden a obras, cun total de 11.085.877,56 euros

O Concello de Carballo acadou no 2023 un volume de licitación de obras, servizos e subministros superior aos 20 millóns de euros, unha cifra récord que reflicte, por unha banda, unha gran capacidade investidora, e, por outra, como destacou o alcalde, o importante traballo que realiza o departamento de Contratación. “Hai poucos concellos do tamaño do noso que manexen estas cifras”, asegurou Evencio Ferrero.

O alcalde presentou o balance anual acompañado polo concelleiro de Contratación, Ramón Varela, que esmiuzou as cifras. Máis da metade do volume total de licitación corresponde a obras. O ano pasado foron adxudicadas un total de 19 por un importe de 6.608.227,05 euros, entre elas a rede de abastecemento á Baixa de Sofán (686.312 euros), o centro social de Xoane-Goiáns, en execución (354.835,94 euros) ou a última fase da travesía de Sísamo, que empezará nos vindeiros días (2.236.216,61 euros).

Os contratos menores suman 354.176,38 euros, polo que a obra contratada ascende a 6.962.403,43 euros, dos cales “máis de cinco millóns foron para investimentos no rural”, destacou Ramón Varela.

A maiores inclúense os expedientes de contratación de obras iniciados no 2023 e que están pendentes de adxudicación ou adxudicados pendentes de formalización do contrato, que supoñen outros 4.185.347,75 euros. Entre elas destacan, polos seus importes, o novo campo de fútbol das Eiroas (829.787,01 euros), a variante entre o polígono de Bértoa e a rotonda do Muíño da Pintura (615.370,74 euros) ou o aglomerado da estrada do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán) (381.297,90 euros).

Ramón Varela anticipou que o 2024 será outro ano de récord, malia “as dificultades que se presentan, en parte pola inflación, que fixo que houbese que revisar varios proxectos, ou que, como se nos traslada, as empresas non atopan suficiente persoal no mercado para facer fronte a este elevado volume de obra”. Malia todas estas dificultades, no 2023 conseguiuse “manter un nivel de licitación de obra pública moi relevante, levando a cabo non só aquelas obras de infraestrutura que o propio goberno considera necesarias senón trasladando igualmente as demandas da cidadanía expresadas nos órganos de participación cidadá”, engadiu.

Servizos e subministros

Aos máis de 11 millóns licitados en obras, no 2023 sumáronse case 7 millóns máis en contratos de servizos: 1.036.456,98 en contratos adxudicados, 1.212.435,44 en contratos pendentes de formalización e 4.706.400,69 euros en contratos vivos. Os máis importantes, polas súas contías, son o servizo de axuda no fogar, que supón 1.390.061,88 euros ao ano; a recollida de lixo, que custa 956.566,56 euros, e a limpeza viaria, que acada os 555.865,57 euros anuais.

O concelleiro de Contratación subliñou a gran aposta realizada polo Concello de Carballo polas empresas e economía social e os centros especiais de emprego na prestación de servizos, como son os casos da limpeza viaria, de colexios ou de edificios administrativos, o mantemento das zonas verdes ou a xestión do mercado municipal.

O terceiro gran paquete de contratación corresponde aos subministros, que no ano 2023 representaron máis de 2 millóns de euros. A cantidade máis importante corresponde á enerxía eléctrica, que supuxo 617.862,99 euros.

“O Concello de Carballo atende os servizos esenciais, e que é esencial que se presten coa meirande calidade, e faino sen perder capacidade investidora, equilibrando co investimento en obra pública, mellorando as infraestruturas e atendendo as demandas da veciñanza da zona urbana e das parroquias”, concluíu o concelleiro.